As Xeorutas de Burela incorporan un cuarto itinerario, o do Monte Castelo

As rutas xeolóxicas que organiza o Concello burelao comezarán o 6 de xullo, cun aforo máximo de 20 prazas por cada unha das 15 saídas

Vista de Burela desde o Monte Castelo. AXM

O Concello de Burela anunciou que o vindeiro 6 de xullo comezarán de novo as Xeorutas, que neste verán de 2020 incorporan un cuarto itinerario, o do Monte Castelo. Este percorrido unirase aos da Marosa, O Perdouro e O Cantiño.

O concelleiro de Turismo de Burela, o socialista Ramiro Fernández Rey, explicou que “a novidade que temos este ano é unha ruta xeolóxica nova que imos facer no Monte Castelo que, como di o xeólogo que nos axuda a facer os percorridos, Fran Canosa, é unha zona moi rica en xacementos xeolóxicos. Ademais seguirán as que había en anos anteriores”, concretou.

As Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente organizan unha nova edición das rutas xeolóxicas, cun aforo limitado a 20 persoas para cada saída. Son 15 as datas marcadas no calendario para poder gozar destes percorridos que permiten desfrutar con información e seguridade dos recursos xeoturísticos do municipio.

Presentación das Xeorutas. AXM

As rutas de A Marosa, O Perdouro e O Cantiño terán como punto de partida a oficina de turismo que está situada no porto. E a do Monte Castelo terá saída e punto de chegada nesa área recreativa.

A INSCRICIÓN, ABERTA

Fernández Rey e a edil e Medio Ambiente, Toñi Eijo, participaron este martes, xunto ao alcalde, Alfredo Llano, na presentación da iniciativa, ademais da guía turística Aurora Riesco.

Fernández Rey declarou que as rutas xeolóxicas foron un servizo “que puxemos a andar aló polo 2015, tivo un éxito moi importante e decidimos seguir apostando por elas”. A Deputación de Lugo, a través do Plan Único, “fainos unha achega bastante importante para poder levalas a cabo”, remarcou.

Calendario das Xeorutas. AXM

Os responsables de Turismo e de Medio Ambiente animaron a todo o mundo a participar. A inscrición pódese facer por medio do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here